Batman e a muiñeira de Chantada

Batman e a muiñeira de Chantada

Pídelle a unha IA que che describa unha festa nunha aldea de Lugo random. Haberá polbo, gaitas e alguén bailando a Muiñeira de Chantada coma quen baila un valse nunha voda americana. Terá letra, e dade por feito que terá castelanismos .

Non é malicia. É estatística.

O pisón. 

O de pasar por riba dunha cultura non é novo. En Galicia coñecémolo como a doma e castración, así chamou o galeguismo (Castelao á cabeza) á poda que fixeron os Reis Católicos co Reino de Galicia. Substitución da nobreza e dos bispos, o castelán para o importante e o galego para a cociña e a horta.

Funcionou. Durante séculos o galego foi a lingua da casa e o castelán a de saír da casa.

Darlle a volta custou moitísimo. Rexurdimento, Irmandades da Fala, décadas de normalización, escola, televisión, xente empeñada en que falar galego non fose cousa de aldea. Fomos recuperándoo con moito esforzo e a cachiños.

A IA ameaza con desfacelo sen esforzo ningún. E sen querer, que é o peor.

Se o castelán coxea…

O castelán é unha das linguas con máis texto escrito do planeta. Recursos de sobra. E aínda así, o castelán que cospe unha IA recoñécese de lonxe: palabras e expresións pouco comúns na vida real, construcións calcadas do inglés, un «cabe destacar» cada tres parágrafos. Correcto, si. Natural, non.

Agora baixade a escala. O galego ten unha fracción ridícula dese texto. E o que pasa xa non é que soe raro: é que se coa o castelán. Palabras castelás con ortografía galega, xiros casteláns cun recendo de galego por riba. Castrapo xerado de maneira automática.

O que nunha persoa é mestura natural, nunha máquina é simple falta de datos.

A lingua arrastra o demais

Unha lingua é a forma que ten a xente dun sitio de contar o mundo. Se un sitio está infrarrepresentado nos datos, non o está só o seu idioma: estano as súas festas, as súas comidas, os seus medos e as súas bágoas.

E a IA enche os ocos co máis probable. Xa o contei en El embudo tecnológico: dáche o máis cotián, aínda que teñamos algo mellor. E o cotián, en cultura, é Hollywood.

A apisoadora de antes esmagaba. Esta aplana. Non prohibe nada. Cada vez que alguén pregunta, cuspe a media.

E a media non ten acento (Nin retranca). 

A Santa Compaña co novo director

Imaxinade o panorama dentro duns anos: unha xeración que aprende a súa propia cultura preguntándolle a unha máquina que a coñece de oídas.

Acabaremos vendo o fantasma da ópera encabezando a Santa Compaña. Coa súa máscara, a súa capa e o seu órgano. E detrás, en procesión, Batman bailando a muiñeira de Chantada.

E quen lle vai dicir que non, se xa ninguén se lembra de como era?

0 comentarios sobre "Batman e a muiñeira de Chantada"

Sé el primero en comentar.